Centro Galiza Mapa |
Literatura Breve historia da literatura galega Lucía Rodríguez Caeiro A finais do século XII aparecen os primeiros trobadores que darán lugar á idade de ouro da lírica galego-portuguesa . Entre os textos máis antigos adoita indicarse o sirventés Ora faz ost´o senhor de Navarra , de Johan Soares de Pavia, datado en 1196. Ao longo de case 200 anos o galego-portugués será a lingua de cultura de toda a Península Ibérica, presente tanto nas cortes portuguesas coma castelás. O caudal lírico que hoxe conservamos é grazas ás compilacións feitas nestas dúas cortes reais. O comezo da decadencia desta escola sitúase en 1350, ano do testamento do Conde de Barcelos, don Pedro de Portugal, fillo natural do Rei don Dinis.Hai numerosos indicios que proban a esistencia na Gallaecia dunha tradición popular oral desde tempos moi antigos. Pero o motivo determinante de que naza a literatura escrita é a chegada do lirismo provenzal a través do Camino de Santiago .Podemos distinguir dous tipos de lírica: a profana e a relixiosa. Dentro da lírica profana atopamos tres grandes xéneros: cantigas de amigo , cantigas de amor e cantigas de escarnho e maldizer . Na lírica relixiosa hai que destacar a figura de Alfonso X, o Sabio, e as Cantigas de Santa María .Ao final desta etapa medieval, a máis gloriosa das nosas letras, o galego iniciará a súa andaina de idioma sometido baixo a coroa de Castela, establecéndose o castelán como lingua de poder e reducindo o galego ao ámbito oral. Foron os séculos XVI, XVII e XVIII nos que a lingua estivo case ausente dos usos escritos. Son os Séculos Escuros das nosas letras.No século XVIII xorde a Ilustración , voces de denuncia sobre a situación que vive o idioma galego. Entre este pequeno grupo de intelectuais resalta a figura do Padre Frei Martín Sarmiento , gran defensor da normalización da lingua. Con eles comezaranse a desenvolver os primeiros estudos lingüísticos galegos.No XIX ten lugar o Rexurdimento literario. Estes escritores desconecen a existencia da rica tradición literaria medieval. Escriben co convencemento de que son os iniciadores do cultivo literario do galego e esfórzanse por ennobrecer un idioma desprezado e relegado ao ámbito rural e familiar. Entre eles cabe destacar tres grandes poetas: Rosalía de Castro , Curros Heríquez e Eduardo Pondal . Nesta etapa terá lugar unha recuperación non só literaria senón tamén cultural, política e histórica.No século XX presenciaremos moitos avances na dignificación e uso do idioma como lingua normalizada. Fúndase na CoruÅ„a en 1916 a primeira Irmandade da Fala , movemento nacionalista creado para a defensa e cultivo do idioma. O seu periódico, A Nosa Terra, integramente en galego, contribúe a espallar o seu pensamento. Entre os seus membros encóntranse os irmáns Vilar Ponte, Vicente Risco e Ramón Cabanillas .Nestes anos aparece a revista Nós da man de Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, aos que axina se unirá Castelao como director artístico. Este grupo de homes conforman o Grupo Nós e tentarán demostrar a existencia de Galiza como pobo diferenciado que creou e conservou unha cultura propia ao longo da historia.En 1923, na casa de Rosalía de Castro en OrtoÅ„o, nace a terceira grande institución da época de preguerra, o Seminario de Estudos Galegos , co obxectivo de construír un centro de investigacións científicas desde e para a nación galega.En 1931 fúndase o Partido Galeguista froito da necesidade de homoxeneizar o nacionalismo e dotalo dunha maior eficacia organizativa. Despois dun referendo no que votaron afirmativamente un 74 por cento do censo electoral, o 15 de xullo de 1936 foi presentado o texto para o Estatuto de Autonomía ante o Presidente da República, pero o inminente comezo do levantamento fascista impediu a súa discusión, iniciándose unha "longa noite de pedra"...O galeguismo sobrevive na clandestinidade e no exilio. No exilio proseguiuse o labor político e cultural a prol de Galiza e da súa identidade. Bos Aires sería durante anos a capital espiritual do pobo galego. Tralo silencio imposto coa Guerra Civil, que continuaría os primeiros anos da posguerra, os galeguistas que permaneceron na terra inician nos anos 50 a recuperación das letras galegas. Un papel moi importante desempénao a Editorial Galaxia que asume desde un principio o propósito de vertebrar a recuperación da expresión escrita en galego.Entre os escritores máis salientables da literatura da posguerra podemos mencionar a magníficos autores como Blanco Amor , Álvaro Cunqueiro , Celso Emilio Ferreiro ou Ánxel Fole .Ao tempo que estes escritores publicaban as súas obras de madurez, a partir da segunda metade da década dos cincuenta e ao longo dos sesenta, apareceron no panorama literario outros autores pertencentes a dúas promocións: os máis veteranos representantes da chamada Promoción de Enlace , e os máis novos, moitos deles relacionados coas Festas Minervais e coa denominada Nova Narrativa Galega , da que forman parte escritores de tanta transcendecia coma Méndez Ferrín ou Carlos Casares . Este movemento literario caracterízase pola incorporación ás nosas letras de técnicas, temas e procesos fondamente renovadores utilizados na narrativa universal do século XX.Nestes anos 60 e 70 continúa o labor dos galegusitas e crece o contido político de oposición ao Réxime Franquista, pero teremos que agardar á morte de Franco no 1975 e á restauración da Democracia para que o idioma comece o seu proceso de normalización. En 1981 apróbase o Estatuto de Autonomía e en 1983 a Lei de Normalización Lingüística. A partir destes anos 80 no panorama literario galego irá aumentando o caudal de libros publicados. Na actualidade a literatura galega atópase de novo nunha época de explendor. É este un período de ampla produccción no que as obras tenen gran transcendencia social e proxección internacional sendo traducidas a outros idiomas. Podemos mencionar a grandes escritores como Manuel Rivas ou Suso de Toro .A I Mostra e o I Certame Abrente de Teatro Galego en Ribadavia serán o punto de partida do teatro galego actual e a cita obrigada de todos os grupos e autores desde o ano 1973. Hoxe a dramaturxia é un eixo fundamental do panorama cultural galego. http://bvg.udc.es |
2006 Centrum Studiów Galicyjski w Krakowie i w Warszawie
wykonanie: Nivo
| ||